Suxerencias SERGAS


18 Abr 2012 / cofiga / Sede COFIGA
Estimad@s compañeir@s Dende o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia damos comezo a unha iniciativa de cara a optimizar, e pór en valor o noso traballo na Sanidade Pública. É de recente creación esta figura, nexo entre os fisioterapeutas colexiados e o Sergas que teño a oportunidade de ocupar. A sanidade pública é, en moitos dos casos, a tarxeta de presentación da nosa profesión ante a sociedade, e nos temos que esforzar en dar unha imaxe máis acorde có que realmente somos e podemos facer no ámbito da saúde. Nunha situacíón como a actual non nos podemos asustar con recortes, axustes e medidas de austeridade que teñen no seu punto de mira os eslabóns máis febles do sistema; sabemos das intencións e nalgúns casos xa das accións da Administración Autonómica que están afectando a compañeiros e por extensión, ós pacientes. Temos que tratar de demostrar que invertir en fisioterapia é sinónimo de invertir en saúde, invertir en fisioterapeutas é aforrar en enfermidade, costes laborais, gasto farmacéutico e hospitalario, etc. Que o fisioterapeuta intervén de xeito transversal en todo o proceso. Cando un paciente comeza un tratamento con nós, nos convertimos nun importante axente de saúde educando, asesorando, facendo prevención, promovendo hábitos de vida saudables etc. A nosa profesión pode e debe saír reforzada desta conxuntura. Dado que neste momento todo está por facer ou por concretar, considero que o primeiro paso que debemos dar é abrir unha porta a tódalas opinións, aportacións, suxestións, oportunidades de mellora etc; que detectemos no sistema. Ao mesmo tempo deberiamos facernos unha composición de lugar de cómo está a situación en cada área sanitaria de cara a recoller o mellor de cada xeito de traballar, correxir os defectos e así poder homoxeneizar os nosos procedementos. Propoñemos unha "tormenta de ideas" dende agora. Habilítase unha dirección de correo electrónico: fisiosdosergas@gmail.com para que poidades enviar as vosas suxerencias, críticas, inquedanzas, estudos, propostas etc. Queremos saber qué se pode mellorar pero tamén qué se está a facer ben; somos coñecedores de varias medidas que se implantaron nalgunha área sanitaria e necesitamos saber cómo están a funcionar. Vos pido que tratedes de filtrar ó máximo posible os temas clasificándoos no "asunto" do email para poder ter toda a información máis estructurada; diferenciando si se trata dunha suxerencia, dunha crítica, dunha proposta ou aportación; si se trata dun asunto relativo a Atención Primaria, de Atención Especializada ou de carácter xeral; tamén si se trata de algo relativo ó ámbito asistencial, de xestión, docencia, emprego público, lexislación, investigación etc. (Por exemplo: "Asunto: proposta de mellora ámbito asistencial AP") En principio imos excluir a cuestión salarial, non é que non o consideremos importante, só que non é o Colexio o órgano que se ten que encargar deste asunto, pero estamos seguros de que si con este proxecto saímos reforzados, a reivindicación salarial, levada polo seu cauce adecuado, terá máis posibilidades de ser atendida. Unha vez teñamos información suficiente, faremos unha lista priorizada con todas aquelas medidas que máis repercusión teñan para logo convocar unha reunión e facer un documento de consenso que de xeito oficial poidamos trasladar á Consellería de Sanidade. Esperamos que todo isto redunde no noso beneficio como colectivo e sobre todo no dos nosos pacientes. Agradecemos a vosa atención e colaboración. Pablo Pérez Mariño
Google Facebook Twitter Mas
Spot Loitadores

Un poema de Roberto Blanco Torres